presentación-VOLTA-COLE-noticia-web.png

“A VOLTA AO COLE CUSTA MENOS CANDO COMPRAS NO COMERCIO LOCAL” ASI PRESENTA A ASOCIACIÓN DE EMPRESAS DE REDONDELA A CAMPAÑA “VOLTA AO COLE 2026” PARA APOIAR ÁS FAMILIAS

Un mes de vantaxes, premios e aforro para impulsar as compras en Redondela e Chapela durante o inicio do curso.

A Asociación de Empresas de Redondela pon en marcha a campaña de dinamización comercial “Volta ao Cole 2026”, unha iniciativa pensada para acompañar ás familias nun dos períodos de maior gasto do ano e reforzar o compromiso do comercio local coa economía doméstica. O comercio de proximidade convértese así nun aliado directo das familias, ofrecendo vantaxes reais nun momento no que cada compra conta.

Durante todo o mes de setembro, a clientela poderá rexistrar as súas compras nos establecementos adheridos á campaña. Cada ticket rexistrado sumará participacións para o sorteo final de 3 Cheques Escolares de 100€, ademais de contribuír á activación de premios directos que se desbloquearán en función do volume total de compras realizadas.

 

Mecánica da campaña

As persoas consumidoras realizan as súas compras nos comercios asociados.

Rexistran os tickets na plataforma oficial de sorteos da Asociación: https://participa.empresasredondela.gal/promocion/50

Canto maior sexa o número de compras rexistradas, máis posibilidades de gañar un Cheque Escolar e máis premios se activarán, que serán distribuídos de forma aleatoria entre todas as persoas participantes.

A campaña pivota sobre unha idea clara: mercando na vila, as familias aforran e o comercio local medra. O comercio de proximidade ofrece prezos axustados, atención personalizada e a comodidade de ter todo ao alcance da man, ao tempo que devolve valor á comunidade mediante iniciativas como esta. Ademais, comprar no comercio local reduce custos de desprazamento, é máis próximo, máis sostible e promove un consumo máis responsable, favorecendo cadeas curtas, aforro real e unha economía que coida das familias e da vida diaria da vila.

 

Un mes completo de dinamización e comunicación

A campaña estará activa durante todo o mes de setembro, acompañada dun plan de comunicación en redes sociais no que se irá mostrando a oferta dos comercios locais, recomendacións, novidades e contidos pensados para facilitar as compras das familias.

A Asociación de Empresas de Redondela destaca que esta iniciativa “pretende facilitar o inicio do curso, promover o aforro e poñer en valor a importancia de mercar no comercio local, que é quen sostén a vida diaria da nosa vila”.

Toda a información, bases reguladoras e acceso á plataforma de rexistro están dispoñibles en www.empresasredondela.gal.