foto noticia exposición día da nai.jpg

“ELAS XOGAN” TOMA AS RÚAS DE REDONDELA: MÁIS DE 200 DEPORTISTAS LOCAIS PROTAGONIZAN A EXPOSICIÓN URBANA DA CAMPAÑA DO DÍA DA NAI DO COMERCIO DE REDONDELA.

A Asociación de Empresarios de Redondela pon en marcha este sábado, 2 de maio, a exposición urbana polo Día da Nai. Esta acción converterá os escaparates do comercio local nun gran percorrido visual dedicado ao talento feminino no deporte: “Elas Xogan”.

A acción busca destacar a importancia de APOSTAR POLO LOCAL, tanto no comercio de proximidade como no deporte de base, sendo este o nexo de unión que inspira a exposición “Elas Xogan”: unha iniciativa que visibiliza o talento das deportistas locais ao tempo que impulsa o consumo responsable e a dinamización do comercio local.

 

A iniciativa, que arranca na véspera do Día da Nai, reúne imaxes de máis de 200 nenas, mozas e mulleres deportistas de Redondela, pertencentes a diferentes disciplinas e clubes do municipio. O obxectivo é visibilizar o esforzo, a constancia e o papel fundamental das deportistas locais, ao tempo que se impulsa o deporte feminino e o consumo no comercio de proximidade nunha das datas máis importantes do ano.

 

A campaña pretende tamén favorecer a interacción social entre clientela e comerciantes, convidando a descubrir quen son as deportistas que aparecen nos escaparates, os seus vínculos co municipio e as historias que hai detrás de cada imaxe. Deste xeito, xérase familiaridade, proximidade e un sentimento de pertenza compartido, reforzando os valores do comercio local.

 

Recoñecemento ao tecido deportivo local

Desde a Asociación de Empresarios destácase especialmente a implicación dos clubes deportivos, que colaboraron activamente na recollida de fotografías, a información das súas deportistas e as autorizacións pertinentes. A asociación quere poñer en valor o traballo altruísta das persoas que xestionan estes clubes, que sosteñen a actividade deportiva de centos de deportistas locais grazas ao seu compromiso, dedicación e voluntariado.

 

“Sen o esforzo silencioso de adestradores, directivas, nais, pais e persoas colaboradoras, o deporte local non sería posible. Esta exposición é tamén unha homenaxe a elas e a eles”.

A Asociación de Empresarios de Redondela quere expresar un agradecemento especial a todos os clubes que fixeron posible esta exposición, achegando imaxes, información e, sobre todo, o seu compromiso coa visibilidade das súas deportistas. Participan nesta iniciativa Arealonga FS, As Choqueiras de Redondela, CD Choco, Chapela CF, Club Balonmán Chapela, Club de Baloncesto Redondela, Club de Remo Chapela, Club Flickr Flac, Club Hípico La Muralla, Club Natación Redondela, Club Patinaxe Artística Arealonga Chapela, Meigarco, Sarillas e a Sociedade Atlética Redondela (SAR).

 

Escaparates decorados e participación cidadá

Os soportes da exposición xa están distribuídos entre os establecementos participantes, que ao longo desta fin de semana decorarán os seus escaparates para dar vida a esta mostra colectiva. A veciñanza poderá gozar dun percorrido visual único polas rúas comerciais de Redondela.

 

 

Sorteo especial: unha camiseta do equipo favorito

Como parte da campaña, todas as compras realizadas no comercio local ata o 3 de maio poderán rexistrarse na plataforma Participa! ata o día 6, entrando así no sorteo dunha camiseta oficial do equipo favorito da persoa gañadora.


Ir a campaña do Día da Nai.