
A ASOCIACIÓN DE EMPRESAS DE REDONDELA PECHA O PROGRAMA INTEGRADO DE EMPREGO CUN 65% DE INSERCIÓN
O programa remata con éxito, consolidando a súa aposta pola igualdade, a innovación e o apoio ao emprendemento feminino.
O
Programa Integrado de Emprego da Asociación de Empresas de Redondela, que nesta
edición 2024/25 estivo dirixido exclusivamente a mulleres, clausúrase cunha
ocupación do 65%, reafirmando o compromiso da entidade coa redución da taxa de
desemprego feminino no municipio, que supera a media comarcal e que na
actualidade aínda duplica a dos homes segundo os últimos datos estatísticos
dispoñibles.
Ao longo
deste doce meses, mais de 100 participantes beneficiáronse dun plan integral
que combinou orientación personalizada, formación especializada (mais 600 horas de formación, das cales mais
de 300 foron formación do catálogo de especialidades de SEPE), coaching,
mentoring e prospección empresarial. A formación nos itinerarios de saúde,
coidados e calidade de vida acadaron un resultado destacado en canto a
inserción das usuarias. O programa evidenciou unha elevada capacidade de
adaptación ás necesidades individuais das participantes, mediante a
implementación de ferramentas dixitais e a incorporación de tecnoloxías
emerxentes, entre as que destaca a intelixencia artificial. Esta tecnoloxía foi
integrada de maneira transversal en diversos itinerarios formativos e de
orientación, con especial énfase en accións como “Revolución artificial:
ferramentas de intelixencia artificial aplicadas ao comercio tradicional”,
deseñada estratexicamente en resposta á relevancia do sector comercial na
estrutura económica local. Esta liña formativa permitiu ás usuarias adquirir
competencias clave para a transformación dixital do comercio de proximidade,
favorecendo a súa empregabilidade e capacidade de adaptación aos novos
contextos laborais.
A
Asociación de Empresas de Redondela, como entidade promotora, puxo en marcha un
ecosistema de apoio que incluíu itinerarios individualizados, obradoiros de
habilidades sociolaborais, accións de titorización e a creación dun Hub de
activación emprendedora, con 3 iniciativas empresariais en marcha que a súa vez
foron xeradoras de novos postos de traballo na comarca e outras tantas en
camiño de constituírse nos vindeiros meses.
Ademais,
desenvolvéronse convenios con empresas da zona para facilitar prácticas
profesionais e procesos de intermediación laboral, fortalecendo os vínculos
entre o tecido empresarial e as persoas participantes. Máis de 100 empresas
colaboraron con distintas accións do programa e 20 empresas acolleron a máis de
30 persoas en estancias formativas ou prácticas non laborais en centros de
traballo de Redondela e a súa comarca.
Este
programa, que conta co respaldo da Consellería de Emprego, Comercio e
Emigración da Xunta de Galicia, está a demostrar que é modelo de intervención
eficaz, transformadora e que nesta edición ademais puxo o acento na loita
contra o desemprego feminino, especialmente nun contexto local como o de
Redondela, onde a taxa de paro entre mulleres supera a media comarcal e
evidencia a necesidade de accións específicas e integradas.