presentación día do pai-noticia web.jpg

A ASOCIACIÓN DE EMPRESAS DE REDONDELA E A FEDERACIÓN PROVINCIAL DE COMERCIO DE PONTEVEDRA ÚNENSE PARA CELEBRAR O DÍA DO PAI CUNHA CAMPAÑA QUE APOSTA POLO COMERCIO LOCAL.

A iniciativa, que se desenvolverá do 10 ao 19 de marzo, inclúe o sorteo de dúas camisetas oficiais do RC Celta de Vigo, conta tamén coa colaboración da Federación para a difusión do vídeo de apoio ao comercio de proximidade “XOGA EN EQUIPO. APOSTA POLO COMERCIO LOCAL” realizado co adestrador do Celta de Vigo, Claudio Giráldez.

A Asociación de Empresas de Redondela presenta a súa campaña especial polo Día do Pai 2026, unha iniciativa que busca fomentar as compras no comercio local ao tempo que transmite unha mensaxe que vai máis alá do consumo: apoiar o comercio de proximidade é xogar en equipo e apostar polo futuro da vila.

A campaña desenvolverase entre o 10 e o 19 de marzo e permitirá que todas as persoas que realicen compras nos establecementos asociados participen no sorteo de dúas camisetas oficiais do Real Club Celta de Vigo. Para entrar no sorteo, os clientes deberán rexistrar os seus tickets de compra a través da plataforma de fidelización Participa! ou na páxina web empresasredondela.gal.

Como valor engadido, a camiseta poderá estar asinada polo adestrador do Celta de Vigo, Claudio Giráldez, unha das figuras destacadas do deporte galego actual e protagonista tamén do vídeo promocional do comercio local “Xoga en equipo” . A peza audiovisual foi producida pola Federación Provincial de Comercio de Pontevedra e forma parte do relanzamento do lema “Xoga en equipo. Aposta polo comercio local”, unha mensaxe que vincula o espírito do deporte, a aposta pola canteira local coa importancia de apoiar o tecido comercial de proximidade.

O vídeo constitúe unha homenaxe ás persoas que cada día manteñen abertas as portas dos negocios locais, ás familias que confían neles e a todos aqueles que cren que mercar no comercio da contorna é tamén unha forma de coidar a identidade, a economía e a vida social das vilas.

A campaña do Día do Pai busca así reforzar o vínculo entre veciñanza, comercio e deporte, convidando á cidadanía a participar, compartir o vídeo e apoiar aos negocios que forman parte do día a día de Redondela.

A Asociación de Empresas de Redondela anima á cidadanía a participar nesta campaña do Día do Pai, apoiar o comercio local e formar parte desta iniciativa que une clientela, deporte e comercio de proximidade baixo o lema “Xoga en equipo. Aposta polo comercio local”. Toda a información sobre a campaña, así como os detalles para participar no sorteo, está dispoñible na web https://www.empresasredondela.gal/noticias/a-asociacion-de-empresas-de-redondela-pon-en-marcha-a-campana-do-dia-do-pai-cunha-mensaxe-clara-xoga-en-equipo-aposta-polo-comercio-local e nas redes sociais da Asociación de Empresas de Redondela.