PROGRAMA EMEGA
Axudas do Programa Emega par ao fomento do emprendemento feminino en Galicia.
Resolución do 28 de xuño de 2021, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do programa Emega para o fomento do emprendemento feminino en Galicia, susceptibles de ser financiadas con fondos REACT-UE no marco do Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria no ano 2021 (Procedemento SI429A).
O programa Emega comprende un conxunto de axudas dirixidas a
apoiar a posta en marcha, a mellora e a reactivación de iniciativas
empresariais constituídas por mulleres, xunto con medidas complementarias para
favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como o acceso
a servizos específicos de información, asesoramento e orientación empresarial
co obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos proxectos
empresariais promovidos por mulleres.
Co dito fin, o programa
Emega comprende as seguintes liñas de axuda:
a) Liña Emprende:
liña de axudas económicas mediante incentivos para promover a posta en marcha
de novas iniciativas empresariais e a creación de emprego feminino estable por
conta propia e allea.
b) Liña Activa: liña
de axudas económicas mediante incentivos para favorecer a reactivación, a
consolidación de empresas constituídas por mulleres, ou a implantación de
medidas innovadoras para a mellora da competitividade, a través de medidas de
renovación, implantación, ampliación ou cambio de localización da actividade
dirixidas a paliar unha situación económica adversa, e que resulten necesarias
para o mantemento do emprego por conta propia e por conta allea, así como para
acadar o necesario equilibrio empresarial e asegurar a súa pervivencia,
consolidación e mellora, no actual contexto económico, contexto que se viu
agravado pola situación da pandemia pola COVID-19. As ditas medidas non poderán
supor, en ningún caso, destrución do emprego existente por conta propia e
allea.
c) Liña ITEF: liña de
axudas económicas mediante incentivos para impulsar a implantación de
iniciativas empresariais de carácter innovador, con contido científico ou con
base tecnolóxica, promovidas por mulleres e que supoñan a creación de emprego
feminino estable por conta propia e allea.
d) Liña Concilia:
axuda complementaria das liñas Emprende, Activa e ITEF para promover a conciliación
da vida persoal, familiar e laboral, nas súas dúas modalidades:
Concilia-promotoras e Concilia-persoas traballadoras por conta allea.