
CAMPAÑA DE COLABORACION CON CRUZ VERMELLA
Cando o talento rompe barreiras: A Asociación de Empresarios de Redondela implícase na campaña “Contrata Sen”.
A iniciativa busca eliminar barreiras de acceso ao mercado laboral para as persoas con maiores dificultades.
A Asociación de Empresas de Redondela apoia e colabora con Cruz
Vermella, no seu compromiso por promover a igualdade de oportunidades no
emprego, reforza en Redondela a campaña “Contrata Sen”. O obxectivo é concienciar
o tecido empresarial e a cidadanía sobre a necesidade de eliminar os
estereotipos que aínda dificultan o acceso ao mercado laboral para moitas
persoas. Esta acción desenvolverase durante os meses de verán en diversas
localidades galegas, mediante a distribución de materiais de sensibilización
dirixidos ao tecido empresarial local, que será protagonista na difusión da
campaña.
A
iniciativa, impulsada polo Plan de Emprego da Cruz Vermella, pretende implicar
ao empresariado na eliminación de prexuízos que aínda hoxe frean a moitas
persoas na busca dun posto de traballo. Talento, motivación e profesionalidade
son cualidades que non entenden de idade, xénero, procedencia ou experiencia
previa, e esta campaña convida ás empresas a contratar sen etiquetas.“Contrata
Sen” apoia os seus valores en catro eixes principais:
- Sen data de caducidade: aposta polo valor da
experiencia das persoas maiores de 45 anos.
- Sen horas de voo: confía na capacidade e
potencial da mocidade menor de 25 anos.
- Sen xénero de dúbidas: combate os estereotipos de
xénero no acceso ao emprego.
- Sen denominación de orixe: rompe cos prexuízos
vencellados ao país de orixe ou nacionalidade.
A Asociación
de Empresarios de Redondela únese á campaña que se levará a cabo entre o 15 e o
31de xullo nesta localidade; e durante a cal se distribuirán materiais
promocionais como manteis, que se entregarán ás empresas colaboradoras para a
súa difusión entre clientes e redes. Con esta acción, Cruz Vermella quere
visibilizar que as oportunidades laborais deben construírse desde a equidade e
o respecto, deixando de lado etiquetas inxustas que condicionan as
oportunidades de moitas persoas.
Cruz Vermella convida ás empresas, entidades e á cidadanía galega a sumarse a este movemento por un mercado laboral máis xusto, diverso e inclusivo.
Esta
iniciativa da Cruz Vermella está cofinanciada polo Fondo Social Europeo Plus
(FSE+), con cargo ao Programa Estatal de Inclusión Social, Garantía Infantil e
Loita Contra a Pobreza (CCI: 2021ES05SFPR003).